A suba no prezo do polbo obrigou aos empresarios que tiñan adxudicadas as catro Casetas do San Froilán a renunciar a presentarse nas vindeiras festas. Así o anunciaron os propios empresarios que consideran “non rendible” cobrar a ración ao máximo que permite o Concello, estipulado en 8 euros, cando o prezo do cefalópodo é case o dobre que no ano pasado.
Sobre esta nova información que podería deixar o San Froilán sen o seu maior atractivo turístico, a titular de cultura no Concello de Lugo afirmou hoxe que non hai de que preocuparse e que o goberno cambiará os pregos e os levará á proxima comisión de festas.