O goberno local resolve unha licenza cada tres días

A velocidade nunca foi unha das virtudes de case ningún goberno e, sobre todo, se se trata de resolver asuntos que precisa a cidadanía. No Concello de Lugo, a oposición leva meses denunciando un gran retraso na resolución das licenzas de obras e, aínda que onte a alcaldesa aseguraba que son nas obras maiores onde este retraso é máis notable, o certo é que a resolución dunha licenza cada tres días, non supón unha gran axuda para quitarse traballo de enriba. Segundo os números feitos polo Partido Popular, o goberno local podería necesitar de dous anos para resolver todas as peticións de licenzas que hoxe en día recoñecen os socialistas que “teñen nun caixón”.

Así o denunciaba hoxe o voceiro popular, Antonio Ameijide, quen se reuniu con algúns representantes do sector da construcción para analizar estes datos. Este “problema grave” se traduce en que o goberno local tardou ata 25 meses en conceder a licenza para a rehabilitación dun edificio ou 629 días para a montaxe dun ascensor. Asemade, esta tardanza está a afectar á cidadanía de Lugo que ve como, para instalar unha rampla de accesibilidade nun portal, a licenza tarda case un ano (311 días).

Con todos estes datos enriba da mesa, o Partido Popular pedirá a busca de solucións, que poderían pasar polo reforzo dos servizos de arquitectura e urbanismo ou pedir a colaboración dunha empresa externa para eliminar o bloqueo que, segundo denunciou Ameijide, “vai en aumento” e perxudica á economía e o emprego do Concello e das empresas.

Lugonovo pide unha reunión

Lugonovo vén de propor ao resto da oposición celebrar mañá un encontro, para “obrigar” ao equipo de goberno a tomar medidas que axilicen a tramitación das licenzas urbanísticas. Logo de reunirse hoxe con representantes dos promotores e dos colexios de arquitectos, aparelladores e enxeñeiros, a voceira do Grupo Municipal considera que non se pode perder nin un minuto máis sen abordar esta problemática dunha forma conxunta e resolutiva.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com