Deputación e Concello promoven unha nova edición de Equigal

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a Alcaldesa de Lugo; o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López; e o representante do Concurso Nacional de Saltos, Federico Pérez Lago, presentaron hoxe no salón de actos do Pazo de San Marcos a décimo primeira edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 18 ao 20 e do 24 ao 27 de maio. No acto tamén participou o Presidente da Fundación de Dano Cerebral, Luís Abelleira Mayor. Como na pasada edición, a recadación íntegra da Feira será destinada a FUDACE, para apoiar o importante labor social que desempeña este colectivo na provincia de Lugo.

O Goberno da Deputación e o Concello de Lugo son os principais impulsores desta cita que reunirá a milleiros de afeccionados ao mundo cabalar na capital luguesa. O Executivo Provincial achega 40.000 euros para a súa celebración, mentres que o Concello de Lugo colabora nos aspectos organizativos do evento. Durante o mesmo, vai ter lugar a terceira edición do Concurso Nacional de Salto Cidade de Lugo, un Concurso de Cabalo Árabe e o XI Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, que será puntuable para o Campionato de España ANCCE.

Santos Ramos sinalou que “este ano fusionamos Equigal e Equiocio, dando resposta a unha vontade clara de impulsar e darlle maior dimensión e maior visibilidade á cita, a cal permitirá que a provincia de Lugo se converta durante dúas fins de semana na capital do mundo ecuestre, reunindo a milleiros de persoas chegadas de todos os puntos do noroeste peninsular, que poderán apreciar a beleza destes animais, así como disfrutar do espectáculo dos certames programados, nos que se darán cita algúns dos mellores exemplares do país e, como novidade, de raza árabe”.

O Deputado provincial destacou o aspecto solidario da cita, pois “o importe recadado coas entradas irá destinado a
FUDACE, un colectivo que ten o seu centro referencia en Castro de Rei, no que atende a unhas 60 persoas con dano cerebral e nas que traballan 48 profesionais para a súa atención. Reeditamos esta iniciativa logo de que o ano pasado conseguimos recadar máis de 1.000 euros cos que mellorar a calidade de vida e a atención aos usuarios da Fundación”.

Pola súa parte, a rexedora destacou “a relevancia do evento para a cidade de Lugo, pois na pasada edición foron máis de 10.000 persoas as que participaron no Salón do Internacional do Cabalo, coa consecuente repercusión económica que isto supón tanto para o sector servizos, como para o conxunto dos lucenses. Cabe destacar tamén o empeño dos organizadores por elevar en cada nova edición o nivel da anterior, pois este ano contaremos con importantes novidades como o Concurso de Raza Árabe”.

O principal evento da programación de Equigal é o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán cita máis de 100 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do resto de España. Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns exercicios básicos e os seus respectivos movementos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com