O BNG pedirá que non se asignen fondos da Deputación para corridas de touros

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, pediu que a entidade provincial non asigne fondos públicos para promover a celebración de corridas de touros en todos os concellos da provincia. Os nacionalistas seguen a traballar para que Xunta e concellos inclúan nas súas normativas correspondentes o desenvolvemento das iniciativas lexislativas necesarias para abolir as touradas en todo o territorio de Galicia.

Xosé Ferreiro sinalou que “as galegas e galegos xa amosamos en diferentes ocasións un claro rexeitamento a que se manteña a celebración de touradas nas poucas vilas onde aínda subsiste este espectáculo baseado na tortura animal”. As empresas e asociacións que viven deste “espectáculo” continúan a percibir inxentes subvencións dende diferentes administracións, como ocorreu coas moi importantes cantidades de cartos que o anterior goberno da Deputación de Pontevedra levaba inxectado aos que se dedican a este negocio nos últimos anos, cartos que en moitos casos estaban destinados a un fin totalmente diferente.

O deputado nacionalista dixo que “a Deputación de Lugo non pode ser allea a unha postura maioritaria e emanada directamente do pobo, debendo tomar as medidas necesarias para impedir que os cartos públicos, o diñeiro de todas e de todos, ou a propia imaxe da institución non remate apoiando espectáculos baseados no maltrato animal”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com