Alternativa Galega de Esquerda en Europa vén de rexistrar unha pregunta parlamentaria dirixa á Comisión Europea, co obxectivo de denunciar a vulneración do dereito á información e o ataque ás linguas minorizadas que suporía a imposición do Canon AEDE no Estado español, máis coñecido como “Taxa Google”.
Dita pregunta foi elaborada logo de que representantes da Asociación Cultural Chuza! se puxeran en contacto con varias deputadas e deputados da Eurocámara, a traveso dunha carta trasladándolles a súa preocupación, contacto que propiciou a oportunidade de que a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, puidese manter a mediados do mes pasado unha xuntanza con representantes da asociación a fin de afondar nesta problemática.
Así, a través da pregunta parlamentaria que vén de rexistrar AGEe, Senra puxo en coñecemento da Comisión Europea, que a reforma da Lei de Propiedade Intelectual estatal a través da cal sería aplicada esta taxa, “provocaría que servizos de agregadores de noticias sen ánimo de lucro, como Chuza.org, corran o risco de desaparecer sometidos á taxación arbitraria dun organismo privado”.
Dende AGEe valoran que a eliminación de servizos como o proporcionado por Chuza.org non só deterioraría a calidade informativa no Estado, senón que tamén suporía “un agravio comparativo con respecto a outros países europeos”, situación que, como especifica Senra, “contradiría as premisas recollidas no Artigo 11 da Carta de Dereitos Fundamentais da UE e o 10 do Convenio Europeo para a Protección dos DDHH e das Liberdades Fundamentais, que especifican o dereito a ‘recibir ou comunicar informacións ou ideas sen que poda haber inxerencia de autoridades públicas e sen consideración de fronteiras’ “.
Aliás, prosigue a eurodeputada galega, “no caso por exemplo dos agregadores en galego, o Estado non está a cumprir ca Carta Europea de Linguas Minoritarias (CELM)”, xa que a imposición deste canon sobre servizos informativos en linguas minorizadas implica que “está a obviar completamente a responsabilidade de velar para que non se impoña ningunha restrición á liberdade de expresión e circulación da información nestas linguas”.