Arranca en Lugo o Salón Internacional do Cabalo

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos e o presidente da Fundación de Dano Cerebral, Luís Abelleira Mayor, xunto co xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López, entre outras autoridades, inauguraron hoxe a décimo primeira edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo que arrancou hoxe co Campionato de Salto Nacional (CSN**), dúas estrelas Cidade de Lugo e que se alargará ata o vindeiro domingo día 20. Asemade, do 24 ao 27 de maio, terá lugar o XI Salón do Cabalo de Galicia, no que se realizarán os concursos de Pura Raza Española (PRE) e o último día, o domingo 27, será o Concurso de Pura Raza Árabe (PRA).

A recadación do Equigal destinarase, por segundo ano consecutivo, a FUDACE. O Goberno da Deputación e o Concello de Lugo son os principais patrocinadores deste evento que atraerá á capital luguesa a milleiros de afeccionados ao mundo cabalar, como destacou o Deputado de Relacións Institucionais. A celebración deste evento recibe un importante respaldo da Deputación, que achega 40.000 euros para a súa celebración, mentres que o Concello de Lugo colabora nos aspectos organizativos do evento. Entre os actos programados figura a terceira edición do Concurso Nacional de Salto Cidade de Lugo. Tamén haberá un Concurso de Cabalo Árabe e o XI Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, que será puntuable para o Campionato de España ANCCE.

Santos Ramos lembrou que “este ano fusionamos Equigal e Equiocio, para darlle unha maior visibilidade á cita, que fará da provincia de Lugo a capital do mundo ecuestre nestas dúas fins de semana, posto que se agardan milleiros de persoas chegadas de todos os puntos do noroeste peninsular”. Tamén destacou o Deputado de Relacións Institucionais que o evento volverá ter unha vertente solidaria, xa que “o importe recadado coas entradas irá destinado a FUDACE, como se fixo o ano pasado no que conseguimos recadar máis de 1.000 euros cos que mellorar a calidade de vida e atención aos usuarios da Fundación”.

O principal evento da programación de Equigal é o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán cita máis de 100 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do resto de España. Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns  exercicios básicos e os seus respectivos movementos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com