A Xunta de Galicia investiu 185.600 euros nas obras de mellora de camiños rurais e da estrada de Larín, no municipio de Láncara, algunhas recentemente rematadas e outras en execución ou en tramitación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe algunhas das actuacións, en Oleiros, Cedrón e Larín, que contan con achegas da Consellería do Medio Rural ou da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Así, ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais do departamento de Medio Rural arranxáronse preto de 2 quilómetros de lonxitude no camiño de Oleiros, que da acceso a numerosas parcelas de gandeiros de Xunqueira de Arriba e O Couto. Tamén está en execución a reparación dun tramo de case 1 quilómetro no camiño da Seara, en Cedrón. Os traballos en todos os casos consisten na limpeza da zona de rodadura, bacheo e selado con triple rega asfáltica.
Balseiro explicou que están en marcha dúas convocatorias do Plan Marco, dado que xa está aprobado o de 2018 e continúan executándose actuacións do pasado ano. Ao respecto, lembrou que se establece un prazo de dous anos para que os concellos dispoñan de tempo suficiente para elaborar os proxectos e executar as obras. As achegas deste programa para o concello de Láncara nas dúas anualidades suman 134.432 euros.
As intervencións previstas para os próximos meses serán a mellora de camiños en Augalevada, na parroquia de Vilouzán, e o arranxo doutra vía en San Xoán de Muro.
Igualmente, o delegado lembrou que as obras que se levan a cabo en Cedrón dan continuidade a unha intervención financiada pola consellería o pasado ano con 25.000 euros do Plan de Infraestruturas Rurais.
Pola súa banda, a Consellería de Presidencia destinou 26.200 euros a labores de afirmado e mantemento da estrada entre Larín e a localidade de Fonteabuín, xa no municipio de Sarria.
O delegado territorial incidiu na “aposta do Goberno galego polas infraestruturas rurais, e en concreto pola adecuación das vías de comunicación, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e as condicións de traballo dos veciños e veciñas, ao facilitarlles a accesibilidade ás parcelas e explotacións agroforestais”.