O proxecto elaborado polo Concello de Mondoñedo para a dotación dun aparcadoiro detrás da Igrexa Nova obtén o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio, que autoriza as obras previstas, que permitirán un importante número de prazas para o uso de vehículos, preto dun centenar, cumprindo así os requisitos da Xunta.
A administración local mindoniense redactou un proxecto co que busca mellorar a convivencia entre peóns e vehículos grazas a ampliación de prazas de aparcamento no casco histórico. Con esta finalidade, o Goberno mindoniense adquiriu dúas fincas, unha en Casas Novas, xunto a coñecida como finca de Jesús Rivas, ás que se suma a cedida pola Xunta de Galicia no recinto da Granxa, ao lado de Igrexa Nova.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que se trata dun proxecto redactado no mes de xaneiro e cuxa autorización de Patrimonio condicionou o proxecto inicial. O departamento de Xunta de Galicia recoñece a necesidade deste novo aparcadoiro coa finalidade de eliminar o estacionamento dos vehículos nas rúas do casco histórico, que presentan un trazado medieval, estreitas e dun único sentido.
Así a rexedora precisa que o proxecto que conta co informe favorable de Patrimonio establece o coidado da topografía das fincas afectadas sobre as que se creará o aparcadoiro, respectando muros, cómaros e vexetación. Ademais, o referido proxecto tamén inclúe a colocación de elementos vexetais de arboredo e unha pérgola na parcela pegada á igrexa Nova. Do mesmo xeito, no proxecto redúcese o ancho dos viarios, consérvase o muro de peche e as dúas construcións serán rehabilitadas.