O BNG-AA pedirá que o Concello financie o derribo do muro da avenida da Coruña

O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza con veciñas e veciños da avenida da Coruña para informar de que presentará unha proposición para o vindeiro pleno do concello de Lugo na que pedirá que se execute con medios propios o derribo do muro da avenida da Coruña que supón un tapón urbanístico. “Non pode ser que, unha vez que os terreos sexan de propiedade municipal, haxa que esperar outros 6 ou 7 meses para que se faga o derribo do muro”, dixo Arroxo quen sinalou que “as veciñas e veciños están fartos de promesas e o único que ven é que non se fai nada”. 

A proposición do BNG irá dirixida ao goberno para que, unha vez os terreos sexan de propiedade municipal, o concello execute con medios propios o derribo do muro e a apertura de paso pola beirarrúa “esto non quere decir que non se faga a licitación para a urbanización da zona pero sería un primeiro paso para garantir, dunha vez, a seguridade de viandantes e avanzar da execución dunha demanda histórica”, explicou Arroxo. Segundo o voceiro nacionalista, “a obra provisional pódese facer cos medios do concello que teñen capacidade para acometela e finalizar así unha polémica que parece que ao PSOE lle gusta manter no tempo”.

 O goberno municipal anunciou en outubro de 2016 a expropiación e o derribo “pero o muro segue igual que estaba e a día de hoxe non se fixo nada” dixo o voceiro do BNG.  O BNG urxe a execuciòn do derribo da Av. da Coruña. Rubén Arroxo lembrou que “o 25 de outubro de 2017 anunciou, nunha visita mediatica, o inmediato derribo deste tapón urbanístico”. Arroxo lembrou que “foron numerosas as mobilizacións veciñais aos que o BNG sempre amosou o seu apoio e agora seguiremos traballando para que esta histórica demanda veciñal se execute”. 

Rubén Arroxo sinalou que “entendemos que houbo que facer diferentes trámites, mais o compromiso da alcaldesa foi de que o muro se eliminaría a finais do ano 2017, estamos no mes de abril e aínda non se executou o derribo”. O muro da av. da Coruña leva anos causando molestias a todas as persoas que transitan pola estreita beirarrúa que queda constreñida pola existencia deste tapón. Para o BNG “é unha mostra máis da incapacidade dos gobernos do PSOE para atender as necesidades reais das veciñas e veciños”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com