O Deputado de Relación Institucionais, Álvaro Santos Ramos, participou este sábado no XII Aniversario da Asociación de Pensionistas El Enjambre de Chantada, cuxa sede foi mellorada grazas á colaboración do Goberno da Deputación. O Executivo Provincial achegou 14.000 euros para dotar ao local social dun novo sistema de refrixeración e aire acondicionado, en beneficio dos máis de 200 membros deste colectivo de pensionistas.
Durante o acto de conmemoración inaugurouse o aparato de climatización, moi demandado polos usuarios desta asociación, pois, durante os meses de verán, as altas temperaturas impiden desenvolver con normalidade as actividades diarias que dito colectivo realiza.
A Asociación Cultural El Enjambre naceu en 1996 e conta hoxe en día con máis de 200 socios. Son máis pensionistas do Concello de Chantada, pero tamén de núcleos rurais cercanos. Trátase dunha das agrupacións máis activas da provincia pois desenvolven actividades diarias como ximnasia de mantemento, informática e novas tecnoloxías, bailes, canto ou comidas de confraternización, ademais de realizar obradoiros de todo tipo: nutrición, xoiería, cestería…