A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, e o presidente da Cruz Vermella Española na provincia de Lugo, Luis Abelleira Mayor, asinaron hoxe un contrato de colaboración para o desenvolvemento de actividades en materia de acción social.
En concreto, a Cruz Vermella Española colaborará en actos ou eventos deportivos, sociais, culturais, espectáculos e concertos con concorrencia de público para a dotación do servizo de ambulancias. O Concello de Mondoñedo compensará á Cruz Vermella Española coa cantidade de 4.000 euros. O contrato ten vixencia anual desde a súa sinatura e poderá renovarse automaticamente salvo indicación expresa das partes.
O importe correspóndese coa compensación de gastos ocasionados nun máximo de 50 horas anuais de servizos ordinarios e 25 horas anuais de apoio médico nos preventivos solicitados. No caso de non alcanzar esas horas ou superalas, a compensación de gastos diminuirá ou aumentará na mesma proporción.