O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello, Antonio Ameijide, denunciou que tan só 15 das 156 solicitudes de licenza de obra na zona urbana que se concederon en 2017 se resolveron no prazo de tres meses que marca a Lei do Solo de Galicia, unha cifra “que está moi lonxe” dos rexistros que tería que ter un Concello como o de Lugo, xa que “o normal sería que a maior parte das solicitudes” se resolveran dentro do prazo legal fixado.
No ano 2017 a media de resolución de licenzas no Concello de Lugo foi “moi elevada e afastada” dos tres meses que marca a lei e varía en función do tipo de licenza. Os populares resaltaron, como exemplo desta tardanza, obras de accesibilidade e ascensores que suman 225 días de media de espera ou as de edificación que superan os 400.
Ante estes datos, Antonio Ameijide explicou que o Concello de Lugo “debe dar unha resposta áxil” ao repunte que hai na obra privada para contribuír ao crecemento e a recuperación económica. A administración local “non pode ser un freno como o é hoxe por hoxe” o Concello de Lugo polo desgoberno e mala xestión do PSOE.
No que se refire á concesión de licenzas para crear, ampliar ou reformar negocios, “un eido no que a demora na resolución da licenza impide a creación de postos de traballo e repercute negativamente na economía da cidade”, destaca os 1.201 días que tiveron que agardar os propietarios dunha nave no polígono industrial da Louzaneta para obter unha repostas, finalmente favorable. Pero tamén hai outros exemplos de “demora excesiva”, como os 880 días que agardaron os propietarios dunha nave en Garabolos para coñecer se podían ampliar a mesma, ou os 460 días que tiveron que agardar no Balneario de Lugo para poder realizar obras de protección contra as inundacións nas instalacións.
No referente a obras de accesibilidade, destacan os 517 días que agardaron os veciños dun edificio da Avenida da Coruña para poder construir unha rampa e un ascensor no seu edificio. Antonio Ameijide tamén destacou os retrasos que se producen nas comunicacións entre administracións. O Concello de Lugo tardou 455 días en autorizar as obras para acondicionar o novo centro da UNED en Lugo (propiedade da Deputación), o que demostra que “nin coa administración amiga cumpren os prazos”. Pero tamén destacan os 784 días que tardaron en conceder a licenza para a obra da gardería da Fundación Amancio Ortega, “unha obra moi necesaria na cidade”, ou os 504 días que agardaron na Aula de Productos Lácteos pola legalización da modificación nas instalacións.
Outros casos moi chamativos son os 1.347 días que houbo que agardar para autorizar a demolición dun edificio na rúa Armañá ou os 797 días que tiveron que agardar os veciños dun edificio na rúa Río Ulla para obter unha resposta á solicitude que presentaron para realizar unha reforma na fachada para acometer obras de eficiencia enerxética.
O voceiro popular fixo especial fincapé nun caso en particular. Para Antonio Ameijide é “cando menos sorprendente” que os veciños dun edificio da rúa Orquidea tiveran que agardar 613 días para coñecer se podían executar unha reforma na fachada do seu edificio para habilitar unha porta.