A Xunta garante o compromiso coa equiparación salarial dos bombeiros de Lugo

A Xunta de Galicia garante o seu compromiso coa igualación dos salarios dos bombeiros dependentes do Consorcio provincial contra incendios da provincia de Lugo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que o Goberno galego cumpre cos seus compromisos e asumirán este acordo que implicará o incremento das retribucións do persoal da totalidade dos parques de bombeiros lucenses dependentes do Consorcio provincial.

“A Xunta está totalmente ao corrente nos seus pagos e no momento en que sexa preciso facer fronte a ese aumento económico asumiremos a nosa parte como corresponde. Nós sempre dixemos que esta demanda salarial era unha petición razoable e garantimos que nos orzamentos da Xunta hai consignación orzamentaria suficiente para asumir ese compromiso”.

O delegado reprochou que non o fixera así a propia Deputación de Lugo cando o ano pasado anunciou unha partida económica para facer fronte a este incremento salarial pero se negou a executala, “con excusas de mal pagador, nas que a Xunta non caerá porque somos unha administración seria”.

Balseiro puxo en valor tamén o traballo desenvolvido no último ano e medio, tempo durante o cal a Xunta de Galicia asumiu a presidencia rotatoria do Consorcio provincial de bombeiros, que agora ostentará de xeito permanente a Deputación, e lembrou que serviu para acadar ou encamiñar importantes melloras no servizo.

O delegado citou, entre outras, a integración do Consorcio na rede RESGAL de comunicacións, do mesmo xeito que o resto de parques de bombeiros e colectivos de emerxencias de Galicia; a conversión dos 3 postos a tempo parcial, propostos como mellora da empresa adxudicataria, dos parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro, nun posto de traballo a tempo total, creado novo en cada parque; a selección e nomeamento da persoa titular da Xerencia que ata ese momento nunca se tiña producido; a regulación de criterios  para nomeamento do persoal de bolsa; ou o impulso da comarcalización do parque de bombeiros de Lugo e posterior análise e resolución das zonas de sombra da provincia, para a mellora do mapa de emerxencias municipal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com