Lugonovo reclámalle ao goberno socialista municipal a mellora dos puntos de recollida de lixo no rural. O concelleiro Víctor Álvarez trasladaba esta mañá un rogo á Comisión de Infraestruturas para que o executivo acondicione as áreas que ocupan os colectores coa fin de evitar que os refugallos acaben espallados polas inmediacións.
“Trátase dunha estampa demasiado habitual nas parroquias. Os desperdicios rematan tirados polo chan, ben porque o número de contedores e a frecuencia da súa limpeza resultan insuficientes, ben porque nestas contornas os animais acoden a eles na procura dalgún resto co que alimentarse e, na escolla, póñeno todo perdido. O caso é que a sucidade nestes enclaves é xa unha constante que cómpre emendar, por hixiene e salubridade pero tamén para tratar de corrixir a fealdade paisaxística que reflicte”.
O edil de Lugonovo propón instalar unha sorte de estrutura que albergue de forma conxunta os distintos recipientes e evite que, a pesares de que algunha bolsa caia, o seu contido quede ciscallado polos arredores ou sexa desprazado polo vento. “Ante esta problemática, no Courel, por exemplo, levan anos empregando un método similar. Un pequeno armazón de madeira, sobre unha base de formigón, rodea o espazo no que se pode depositar a varredura, impedindo que se extenda por fóra. A medida ten un escaso impacto económico para as arcas locais, xa que o seu custo non alcanza os 500 euros por unidade, pero sí, en cambio, resulta de gran transcendencia para a habitabilidade, a convivencia e a conservación do medio ambiente”, subliñou Álvarez Arias.
O Grupo Municipal cre que a corrente aparición de vertedoiros incontrolados, en moitos núcleos do Concello, apremia a dotar ás aldeas de ferramentas oportunas para que a veciñanza poida xestionar os seus residuos dun modo eficiente.