O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide xunto co concelleiro encargado da área de turismo no partido, Ángel Trabada, así como o Presidente local do PP, Ramón Carballo mantiveron na tarde de onte un encontro con responsables de albergues, hoteles e establecementos de hostelería ligados ao Camiño Primitivo.
Os populares apostan “por impulsar a cociña vinculada a este itinerario e propoñen que se convoque unha ruta de tapas no camiño”. Na xuntanza presentaron o eslogan E … Tapas baixo o cal “se podería organizar unha peregrinaxe gastronómica por establecementos por onde discurre o tramo urbano do Camiño ao seu paso por Lugo”.
Para os populares “é importante que o sector da hostelería se volque con este recurso turístico” e, nese senso, plantexaron aos emprendedores de Lugo sumarse ao espíritu do Camiño e que “sexan partícipes dos valores que representa”.
Outro dos puntos do decálogo que lles presentou o Grupo Popular, e que os hosteleiros acolleron con agrado, foi a proposta de atraer a peregrinos de vilas próximas con tradición xacobea como Portomarín, Sarria ou Palas. As axudas municipais para creación de negocios relacionados co camiño e a posta en marcha de actividades culturais, deportivas, turísticas e musicais son outras das medidas que forman parte do paquete que o Grupo Popular defenderá no vindeiro pleno.
O Grupo Popular anunciou que tamén seguirá pulsando a opinión dos actores afectados e implicados na súa promoción e, neste marco, ten programada unha xornada interrexional con representantes dos Grupos Populares de Oviedo e Santiago para poñer en común accións para divulgar os valores desta ruta.