A Xunta de Galicia entregou hoxe en réxime de alugamento tres vivendas de promoción pública a estrear na localidade de Becerreá. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que a recente renovación das listas permitiu reiniciar os chamamentos no municipio, que tiña vivendas baleiras pero esgotara a relación de candidatos.
As vivendas forman parte da mesma urbanización, aínda que dúas dan á rúa Ancares e a terceira á rúa Ramón Piñeiro. Balseiro, que asistiu ao acto de entrega, sinalou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que depende da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, xestiona con dilixencia os procesos de adxudicación para que se ocupen as vivendas de promoción pública que ten na provincia á maior brevidade posible.
De feito, incidiu, “non foi posible adxudicar antes estas vivendas porque non había máis reservas na lista de adxudicatarios”. Neste sentido, instou ás persoas que estean interesadas en optar a unha vivenda de promoción pública a que se inscriban no Rexistro Único de Demandantes; poden realizalo presencialmente ou a través da sede electrónica da Xunta e ten unha vixencia de tres anos.
Este rexistro serve de base aos sorteos polos que se elaboran os listados de adxudicatarios nos distintos municipios; os últimos listados foron aprobados ante notario o pasado mes de febreiro.