O Partido Popular acusa ao goberno socialista municipal de bloquear preto de 39 millóns de euros en investimentos como consecuencia da parálise na concesión de licenzas de obras. O voceiro do PP, Antonio Ameijide, fixo esta estimación tomando como referencia as 300 solicitudes que, segundo o concelleiro socialistas Daniel Piñeiro están pendentes de validar, e multiplicándoas pola media de gasto das intervencións autorizadas neste 2018.
O voceiro do grupo popular Antonio Ameijide explicou que o goberno tramitou, no que levamos de ano, 63 licencias, 42 na zona urbana e 21 en zona rural, o que supón, dacordo cos orzamentos que figuraban nos proxectos rexistrados, un investimento de 6.730.474 millóns de euros (6.168.620 zona urbana e 561.854€ en zona rural). Ameijide matiza que “estas cifras corresponden aos orzamentos de execución material das obras previstas”.
O voceiro popular Antonio Ameijide explicou que “o primeiro lastre do bloqueo das licencas é que se frean as contratacións directas relacionadas con gremios vinculados ao sector da construción (electricistas, pintores, escayolistas); en segundo lugar, afecta ás empresas e negocios vinculados coa equipación (tiendas electrónica, mobiliario …)”. O terceiro lastre é o que repercute sobre o emprego indirecto xa que dentro dos expedientes pendentes de resolución hai casos de ampliación de empresas, novos negocios, ampliacións de naves…”, concluíu.
Outro dos aspectos, nos que incidiu o voceiro popular, foi no millón e medio de euros, que o Concello deixou de ingresar por este retraso na concesión de licenzas e que corresponden ao abono da liquidación dos 300 expedientes que durmen nun caixón. “Pola neglixencia da alcaldesa os lucenses non podemos disfrutar deste investimento en melloras de servizos” lamentouse o popular.
Precisamente, no pleno deste xoves, o voceiro popular defenderá unha proposición relativa á axilización dos prazos de resolución das licenzas urbanísticas. O acordo desta iniciativa incide na necesidade de reorganizar o servizo de arquitectura e facer un reforzo, de xeito inmediato, dos departamentos implicados na tramitación de licenzas urbanísticas. Outra cuestión sería a de establecer de forma temporal sistemas de colaboración cos técnicos municipais, para o estudo dos trámites de concesión das licenzas urbanísticas, a través de Evislusa, ou no seu caso, a contratación de asistencias técnicas, ata acadar uns prazos de resolución de licenzas acordes coa lei.
Os populares denunciaron, recentemente, que o Concello incumpría a lei do Solo en canto aos prazos para concesión de licenzas desvelando que “Lugo tan só outorgou, no ano 2017 dentro de prazo, 15 das 156 licenzas tramitadas”.