A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato para executar obras de mellora no centro de formación profesional ocupacional de Montirón, na cidade de Lugo, por valor de 325.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estas obras, adxudicadas en dous lotes diferentes, consistirán fundamentalmente na substitución das carpintarías exteriores e na renovación da cuberta, traballos que teñen un prazo de execución de dous meses.
Trátase, en definitiva, de seguir apostando pola mellora deste centro, “toda unha referencia na cidade”, no que se imparten cursos que supoñen “un pasaporte moi eficaz para atopar traballo”, polo que, “desde a Xunta imos seguir apostando por eles, destinando os recursos que sexan necesarios, como é esta obra de mellora”.
Con estas melloras dotarase a todas as fiestras que aínda carecían deste sistema de dobre acristalamento con cámara, que aportará maior confort térmico ao edificio. Esta actuación inclúe tamén o pintado, colocación das carpinterías e tratamento antihumidades. As unidades de carpinterías previstas suman 429 metros cadrados de superficie.
A Xunta tamén executará a renovación das cubertas de lousa do edificio. Estes traballos consisten na substitución do material de cubrición dos faldóns inclinados da cuberta, así como das súas partes verticais. Tamén se prevé a substitución das actuais canles ocultas de PVC por canles ocultas de aluminio.