A Concellería de Deportes, que dirixe José Manuel Díaz Grandío, informa que o próximo domingo 8 de marzo, no Centro Comercial Ás Termas, terá lugar a cuarta proba puntuable do Circuíto Corre con Nós. Nesta carreira está prevista a participación duns 1.200 atletas.
O percorrido de 5.150 metros combina asfalto e terra e non presenta ningunha modificación respecto a edicións anteriores.
A carreira para adultos dará comezo ás 12:40 horas dende o aparcadoiro superior do propio centro comercial, lugar de saída e chegada de todas as probas. Previamente, a partir das 12 horas, celebraranse as carreiras para os máis pequenos, con diferentes distancias e horarios, segundo a idade.
A xornada empezará coas carreiras dos nenos nacidos entre 2009 e 2010, cunha distancia de 300 metros e continuará cos de idades comprendidas entre os 7 e os 9 anos, con 571 metros. Ás 12:20 será a saída para os pequenos de entre 10 e 12 anos, cunha proba de 1.752 metros e por último, os de idades entre 13 e 15 anos, cunha carreira de 2.670 metros.