O presidente da Deputación expulsa a Manuel Martínez do pleno

O Pleno da Deputación vén de aprobar, non sen polémica, a nova Relación de Postos de Traballo ou RPT, un resultado que se deu favorable grazas ao cambio de voto dos deputados populares que, o pasado mes de marzo votaron en contra e hoxe, deron a súa abstención. Do mesmo xeito, o BNG decidiu votar a favor.

Quen non cambiaba o sentido do seu voto era Manuel Martínez que hoxe chegaba ao pleno como Deputado non adscrito e que non tivo oportunidade máis que de debater neste primeiro punto, pois ao finalizar o debate, o presidente da Deputación quitáballe a palabra ao deputado becerrense que pretendía defenderse dunhas declaracións feitas polo socialista Sotuela Veiga, criticando o soldo que busca apercibir Martínez pola súa presidencia en Suplusa.

Despois de incumplir Martínez, ata en tres ocasións, a petición de Campos Conde de manter silencio, entre gritos, o presidente do executivo rematou por expulsar do pleno ao Alcalde de Becerreá.

Ante esta situación, a voceira do PP, Elena Candia, afirmou que, de continuar coa expulsión do deputado non adscrito, o seu grupo abandonaría o Pleno. E así o fixo, cando comezaba das proposicións de cada partido, o PP abandonou o Salón Plenario, non sen antes retirar as súas mocións.

Asemade, e como sorpresa neste pleno, os socialistas presentaron unha moción de urxencia para iniciar os trámites para a disolución de Suplusa. E, como non podía ser doutra forma, segundos antes de marchar, a voceira do PP, deixou unha mensaxe clara: de saír adiante a disolución de Suplusa, o goberno deberá contar co intento dos populares de impugnar este acordo en tribunais.

Turno das mocións

A tensión que se viviu no Pleno non acabou aí, tras un rifirrafe entre Candia e o nacionalista Antonio Veiga, chegou a quenda de debater as mocións, retiradas as do PP, quedaban só 2 do grupo socialista, unha dos nacionalistas en relación á Casona do Incio e unha máis proposta polo Deputado non adscrito. De novo, Martínez, dende o alto do salón de plenos, dirixiuse a berros ante o presidente da Deputación cando pretendeu debater este punto da orde do día e cedíalle a palabra ao voceiro do BNG. A Martínez non lle gustou ese momento e, entre insultos e forzado polo equipo de seguridade do Pazo de San Marcos, abandonou, definitivamente, o Salón de Plenos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com