O xulgado anula o acordo que permitía a realización ilimitada de horas extraordinarias

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Lugo vén de anular o acordo da Xunta de Goberno Local polo que se suprimiu a limitación para a realización de horas extraordinarias por parte do persoal funcionario e se aumentaba substancialmente o valor das mesmas. A CIG presentara recurso contra a decisión do Goberno, por entender que a competencia para modificar o regulamento interno de persoal corresponde ao Pleno Municipal e non á Xunta de Goberno, tal e como agora vén de ratificar a xustiza.

A orixe desta sentenza haina que buscar no acordo adoptado na Mesa de Negociación celebrada o 7 de marzo de 2016, pola cal se modificaban os artigos 20 e 21 do regulamento interno do persoal funcionario do Concello. A CIG non asinou ese acordo por entender que, na práctica, só serviría para converter en habitual o exceso de xornada e incrementar as retribucións de determinado persoal pola prestación de servizos extraordinarios, pero non para atallar as necesidades estruturais de persoal nos diferentes departamentos.

Pero ademais, a CIG denunciou que se estaba a dar un desequilibrio evidente no traballo extra (e tamén os complementos abonados en concepto de produtividade) que se permite realizar entre os diferentes servizos do Concello. “Hai que ter en conta que hai moitos servizos nesta administración que teñen sobrecarga de traballo á que non se pode facer fronte e nos que nin se permite a contratación de novo persoal, nin se están a realizar tales servizos extraordinarios, nin horas á maiores retribuídas en concepto de produtividade”, segundo explican desde a sección Sindical da CIG no Concello de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com