Afundación, a Obra Social de ABANCA, dentro dos seus programas de envellecemento activo, ofrece ás persoas maiores de 55 anos a posibilidade de realizaren unha serie de viaxes, coa finalidade de promover un lecer cultural, saudable e un punto de encontro, comunicación e sociabilidade para os seus participantes.
Nesta ocasión, os socios e socias dos espazos +60 Afundación parten cara aos fiordes noruegueses en dúas quendas. A primeira sairá o vindeiro 11 de xuño e gozarán da viaxe ata o día 18. A segunda quenda partirá o 25 de xuño e regresará o 2 de xullo.
Voarán cara a Bergen e, ao chegar, realizarán unha visita panorámica da cidade. Ao seguinte día sairán cara a Preikestolen, desde onde se obteñen as mellores vistas sobre o fiorde de Lyse, paisaxe que tamén visitarán en cruceiro. O cuarto día sairán cara á cidade de Voss e continuarán cara ao val de Naeroy. Alí visitarán o fiorde de Sogne, o maior do mundo. Tamén realizarán unha excursión no tren de Flam e coñecerán as cidades de Lillehamer e Oslo.