Concello de Ribadeo e Torre

Ribadeo comprobará as fincas que non cumpriron cos desbroces a tempo

Un helicóptero sobrevoará Ribadeo a vindeira semana cos medios técnicos necesarios para saber qué fincas quedan pendentes de limpar, e sen deixar lista esa faixa de protección de 50 metros a carón de vivendas, edificacións ou núcleos de poboación, tal e como esixe a lei de incendios de Galicia. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que foron moitos os que fixeron os deberes, pero son varios os que os teñen pendentes. Onte rematou o prazo voluntario e agora eses propietarios que non fixeron as tarefas de limpeza correspondentes recibirán comunicacións do Concello para que, no prazo de 15 días, procedan a cumprir coa lei. Suárez Barcia subliña que “non queremos chegar a máis, pero se é preciso haberá multas ou execucións subsidiarias”.

O rexedor dixo que “desde o Concello seguimos a traballar, como viñemos facendo desde outubro do ano pasado cando publicamos un bando pedindo, pregando con total cortesía e boa fe, que os propietarios de montes debían cumprir unha lei que leva máis de dez anos en vigor. Xa desde aquel momento nin paramos de traballar, nin perdemos un minuto, é dicir identificamos as fincas que incumprían, notificamos aos seus titulares catastrais para que actuasen, publicamos nos boletíns oficiais aquelas parcelas de descoñecidos que viñan devoltas as cartas, atendemos a centos de consultas na área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo, e todo isto con espírito absoluto colaborador e de axuda. Pero agora temos que dar un paso máis, e non porque queiramos ir por diante de ninguén, senón porque o di a lei de incendios de Galicia que leva vixente desde o ano 2007”.

Fernando Suárez declarou que “unha vez pasado o 31 de maio, aqueles propietarios que non cumpriran a súa obriga de desbroce e de tala de especies combustibles, como os eucaliptos, piñeiros, acacias, etc…, seralles dado un prazo de quince días para que o fagan, senón é así, a administración poderá sancionar ou facer execucións subsidiarias cargándolle posteriormente estes gastos. Para facer este traballo de campo estivemos requeríndolle, nestes meses anteriores, colaboración á Xunta de Galicia tal e como marca a lei, sen que a día de hoxe soubéramos nada. Lamentamos que todo o que fai e di a Xunta quédase niso ata agora mesmo, que é nin máis nin menos que palabrería.

Nós, con esa axuda da Xunta ou sen ela, queremos cumprir co que se espera de nós, e tamén por respecto á actuación activa e consecuente de tantos propietarios e propietarias que ao longo destes meses estiveron aplicados, estiveron desbrozando e talando os eucaliptos e os pinos ao pé das construcións e dos núcleos de poboación”.

O alcalde sinalou que “agora, tal e como explicamos na memoria de traballo, estivemos estudando a necesidade de usar medios técnicos axeitados para en pouco tempo determinar quen foi cumprindo e quen non o foi facendo. Para isto a tecnoloxía actual dispoñible ofrécenos o uso tanto de drons ou de un voo de helicóptero con cámaras de precisión que fotografíen o territorio municipal e posteriormente superpoñan esas fotos en planos escala, para poder determinar o grao de cumprimento e podermos dirixirnos a través dunha comunicación administrativa para requerir aos propietarios que non cumprisen a lei aínda que o fagan”.

Suárez Barcia insistiu en que “lles rogamos a estes propietarios que vaian recibindo estas comunicacións administrativas que fagan o que marca a lei. Non é a nosa intención chegar a máis, non temos necesidade nin de multar nin de facer execucións subsidiarias, pero debemos dicir tamén que chegado o caso, farémolo. A nosa disposición á colaboración é máxima, as dúbidas que se plantexen por todo o mundo poden ser aclaradas, como sempre, na Área de Medio Ambiente do Concello, que está aberta todos os días e a disposición de todo o mundo. O único que estamos perseguindo con todo isto é estar preparados por se na época de seca se producen lumes. Logo non valen desculpas, nin queixas, nin nada. Traballemos agora para estar tranquilos despois”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com