A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto e a mentora do programa Coworking da EOI, Úrsula Pérez, presentaron esta mañá o Móntao Lugo, unha xornada informativa que terá lugar o vindeiro 12 de xuño, ás 11:00 horas, na aula de formación do CEI-Nodus. Trátase dunha cita que pretende achegar ás persoas participantes as claves para emprender un negocio empresarial a través dunha franquicia.
Durante o acto de presentación, Ana Prieto sinalou que “dende o Concello colaboramos con esta proposta do Grupo PSG, unha prestixiosa consultora de investimento, pois aposta pola creación do emprego a través do fomento do emprendemento. Esta iniciativa, Móntao, ofrecerá a máis de 30 negocios financiamento, asesoramento para pór en marcha o proxecto e un plan de marketing e publicidade”.
Esta xornada desenvolverase en tres partes: unha conferencia sobre as dez claves para investir e emprender con éxito en Lugo, impartida polo presidente e fundador do Grupo PGS, Pablo Gimeno; a continuación, poñencia sobre investimento en franquicias rendibles e como franquiciar un negocio, e, por último, unha sesión de networking na que os e as participantes compartirán información e coñecementos para desenvolver ou mellorar oportunidades de negocio.
Nesta liña, a edil destacou que “damos un paso máis a favor da creación de emprego, un dos piares da nosa acción política á que destinamos máis de tres millóns de euros no Orzamento deste 2018. Ademais do programa Inicia Coworking, a día de hoxe temos en marcha o Plan Empregalia, con máis de 100 beneficiarios e o obradoiro de emprego TIC Arqueolóxico”.