A Alcaldesa do PSOE en Sarria, Pilar López Yáñez, salientou esta mañá que “Balseiro dedícase a pasear pola provincia, vendendo os gastos correntes que a Xunta de Galicia ten a obriga de asumir por lei, en vez de
destinar fondos para novas dotacións que melloren a calidade de vida dos nosos veciños. A Xunta de Galicia, como administración autonómica galega, limítase a cumprir cos seus deberes. O Delegado Territorial debería dunha vez por todas atender as necesidades dos veciños da nosa provincia, traendo investimentos públicos da Xunta aos Concellos lucenses, que por suposto tamén corresponden aos veciños desta provincia, en vez de, unicamente, preocuparse de saír ben nas fotos dos actos aos que asiste”.
López Yáñez fixo referencia á visita de Balseiro este luns a Sarria para “supervisar” as instalacións da biblioteca escolar do IES Gregorio Fernández, á que destina fondos da Xunta de Galicia para o seu mantemento. “A Xunta de Galicia non se preocupa por mellorar os servizos públicos dos máis de 13.000 sarriáns. Como se viu hoxe, só están pendentes de saír nos medios de comunicación vendendo actuacións que forman parte dos seus gastos correntes, en vez de achegar novos investimentos e dotacións ao noso municipio”.
Como mostra da “discriminación” e da “negativa do Partido Popular a achegar fondos públicos da Xunta de Galicia ao Concello de Sarria para atender as necesidades dos veciños”, López Yáñez apuntou que “o Goberno galego do PP negouse a arranxar a rúa Diego Pazos, que é de titularidade da Xunta, e fomos os socialistas da Deputación os que melloramos esta zona céntrica con 250.000 euros. Outro exemplo da incompetencia do Executivo galego foi a decisión de non querer mellorar o treito do Camiño de Santiago dende Samos por Pitín a Sarria. Unha vez máis, o Goberno Socialista Provincial responde as necesidades veciñais, asumindo estes traballos con 253.000 euros”.