O BNG continúa loitando por unha zona pública de baño no Miño

O BNG-AA levará a pleno unha proposta para que Lugo conte con zonas públicas de baño no río Miño neste verán. O seu voceiro, Rubén Arroxo lembrou que “as tramitacións son posibles”, como demostrou o seu grupo e que “dende o ano 2009 é unha débeda incumprida dos socialistas coa cidade”.

Esta proposta dos nacionalistas vai encamiñada a que se chegue a un acordo coa Deputación de Lugo para o arranxo do peirao dos Robles e que se poida adaptar e dotar dun servizo de socorrismo para facer dese punto unha área de baño e tamén que se inicien os traballos de forma inmediata para executar accesos seguros ao río en diferentes puntos do seu paso polo Concello. Para o BNG “non se precisan infraestruturas faraónicas nin nada que se lle pareza, senón accesos seguros ao río que deberán ir acompañados de servizos de socorrismo e nalgúns puntos incluso con algún tipo de elemento de ocio temporal, como poidan ser tobogáns flotantes ou outros elementos de xogo de escaso impacto medioambiental”. 

No ano 2009 era aprobada en pleno unha proposición presentada polo BNG para executar en Lugo unha zona pública de baño. Dende aquel entón moitas foron as falsas promesas e anuncios por parte do goberno municipal que quedaron en nada, cómpre lembrar que en maio do 2011 se anunciaba que estaría ese ano e que incluso xa estaba o proxecto e a partida económica. Dende eses anos é habitual que nos orzamentos municipais apareza unha partida co nome de “Praia fluvial” á que se lle veñen dedicando 250.000€ que acaban no esquecemento.

 

Arroxo sinalou que “as propostas que vimos facendo dende o BNG son dunha xestión burocrática e dunha cantidade económica moito menor que os proxectos que tantas veces anunciou o goberno municipal e sempre acaban quedando en nada”. Lugo non quere máis atrasos, quere poder usar o río Miño para o baño dunha forma accesible e segura, ao igual que o están a facer na grande maioría dos concellos polos que pasa o río. “Volvemos levar este tema ao Pleno do concello por que a realidade é teimuda e Lugo segue sen zona pública de baño” afirmou o voceiro do BNGAA. E a realidade é que con pequenas intervencións e coa colocación de elementos provisionais nas beiras do río, poderíanse crear diversos áreas de baño que á súa vez impedisen as aglomeracións de facerse nun único punto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com