Lugonovo denuncia que un soar abandonado está a provocar importantes molestias á veciñanza da rúa Mondoñedo. O predio sitúase na confluencia dos números 44 desta vía e o 43 de Lamas de Prado.
“As queixas dos residentes apuntan á presenza de ratas de gran tamaño que campan as súas anchas pola parcela e que saen á calzada para buscar alimento nos colectores de lixo”, indica a portavoz da formación. Para o Grupo Municipal resulta imperioso levar a cabo, canto antes, o aseo de toda a superficie tendo en conta, ademais que, até o momento, as únicas limpezas que se acometeron na zona só tiveron por obxecto a roza da maleza que sobresae do muro, non así do interior.
“Trátase dunha reivindicación que as comunidades de vivendas próximas levan anos trasladando ao Concello sen que o goberno lle preste a debida atención. Nin tan sequera obtiveron resposta ás peticións que fixeron por escrito no rexistro municipal”, lamenta Cristina Pérez Hérraiz quen demanda ao executivo que revise a situación na que se encontra a propiedade e interveña, cos mecanismos que considere oportunos, ben vía punitiva ou subsidiariamente, para garantir o seu acondicionamento e a salubridade na contorna.
Dende Lugonovo refiren que a problemática que rodea a este inmoble e ao espazo que ocupa vén dende hai, polo menos, unha década. Unha das casas que se atopa nos terreos foi derrubada hai tempo pero o permiso de nova construción co que contaba caducou. Dende entón, o propio entullo da demolición foi abandonado in situ, sobre o que proliferaron, a continuación, a vexetación e tamén os roedores e insectos.