O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou este domingo o falecemento de Francisco Cacharro Pardo, “unha persoa que, sen dúbida, ocupa unha parte importante na historia desta provincia e desta administración, da que foi Presidente durante 24 anos, dende 1983 e ata 2007”.
Gómez Besteiro expresou e trasladou, no seu nome e no de toda a Corporación Provincial,“as máis sentidas condolencias” e o “pésame sincero” “a toda a súa familia e a amigos”.
O Presidente decretou tres días de loito oficial, que comenzarán esta mesma tarde e ata o martes incluído, durante os cales se suspenden todos os actos públicos oficiais da institución, e as bandeiras ondearán a media asta e con crespón negro.
Gómez Besteiro apuntou que a Deputación ofreceu á familia de Cacharro Pardo instalar a capela ardente no Pazo de San Marcos, unha proposta que foi aceptada polo que esta se situará no Salón de Plenos Provincial. Estará aberta a partires das 18:00 horas de hoxe. O Presidente avanzou que se está a elaborar unha declaración institucional polo falecemento de Cacharro Pardo, na que se recollerán todos estes acordos.
Escoitamos a Gómez Besteiro:
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, lamentou profundamente o falecemento de Francisco Cacharro e expresou o seu máis sentido pésame á familia do histórico dirixente do Partido Popular, que levou ao partido a as máis altas cotas de representatividade na política lucense.
En opinión do presidente provincial do PP, Francisco Cacharro foi un piar fundamental na traxectoria do partido na provincia, ademais de ser unha figura crave na historia política da Comunidade Autónoma de Galicia.
José Manuel Barreiro destacou a dedicación de Cacharro polos lucenses dende todos os cargos que desempeñou: presidente provincial do PP, presidente da Deputación de Lugo, concelleiro do concello e senador pola devandita provincia dende a lexislatura constituínte ata o ano 2008.
Barreiro quixo destacar a fortaleza do PP de Lugo durante a etapa de Francisco Cacharro e recordou que dentro dos múltiples logros que conseguiu para a provincia foi a creación do campus universitario na cidade.
Esta mañá, a voceira provincial popular Elena Candia, amosou o seu pesar polo pasamento do ex-presidente.
Escoitámola: