A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, informou este xoves de que o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, que se reuniu esta mañá no Salón de Plenos da Casa Consistorial, continúa afondando no seu compromiso por un Lugo libre de violencia e agresións e pola igualdade e diversidade.
Neste eido, na xuntanza deuse conta da campaña que se porá en marcha, en colaboración con establecementos, para crear espazos seguros contra as agrexións sexistas na cidade, e que arrincará a vindeira semana. Na xuntanza, na que se lle entregou a cada asistente o libro guía protagonizada polos Bolechas nunha visita a Lugo, a edil felicitou ao novo Goberno, que será o primeiro da historia con máis mulleres no Consello Ministerial.
Así mesmo deu a coñecer que o Foro enviará ao Ministerio de Xustiza e á Xunta de Galicia, a petición do grupo municipal do BNG-AA, unha solicitude para a implantación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo. Na reunión tamén se falou sobre o tratamento informativo de casos de violencia de xénero, acordando enviar aos medios de comunicación e ao Colexio de Xornalistas un recordatorio dos bos hábitos de tratamento de noticias nesta materia.
O Foro deu a benvida á asociación Querendo, de mulleres con endometriose, unha doenza que afecta a 1 de cada 10 mulleres. Nesta liña, o Foro enviará ao SERGAS un escrito para mellorar a atención, a divulgación e a investigación para mellorar o tratamento deste síndrome.
No que se refire a colectivos, tamén se deu a coñecer que o colectivo de ACADAR ten na súa web, www.acadar.com, un corrector de linguaxe, Ventá Inclusiva; e as actividades que organizará o colectivo LGTBIQAA+, xunto ao
Concello e Deputación, ao abeiro do 28 de xuño, Día do Orgullo LTGBIQ.
Ana Abelleira deu a coñecer que o Foro de Igualdade tamén acordou reprobar as manifestacións machistas do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a actitude do Presidente da Cámara Galega, Miguel Santalices, contra a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón. Así mesmo, este foro amosará a solidariedade con Pontón, ante tal ataque machista.