O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a aposta da empresa lucense Tableros Hispanos pola eficiencia, o medio ambiente e a innovación, incorporando ademais un recurso enerxético autóctono e renovable como é a biomasa, converterá Lugo en referente na economía verde.
Conde visitou a compañía para coñecer o proxecto de ampliación e modernización que está a cometer nas súas instalacións en Lugo, cun orzamento total de 40 millóns de euros. Estes traballos culminan a súa primeira fase coa inauguración da nova liña de melanina, á que se destinaron 6 millóns de euros. Segundo o conselleiro, estes investimentos significan a vocación de permanencia deste proxecto industrial en Lugo e en Galicia, apuntando que, catro anos despois de facerse cargo dunha fábrica en situación crítica, a empresa foi capaz de convertela nunha fábrica eficiente, que xera 135 postos de traballo.
Tableros Hispanos está especializada na distribución de produtos derivados da madeira, e o plan de mellora que ten en marcha permitirá consolidar as vendas no mercado nacional, e a exportación de novas medidas de taboleiros e deseños.
Durante a visita, o conselleiro destacou que xa de por si é unha empresa altamente internacionalizada, que exporta o 50% da súa produción a países de América Latina como Perú, Colombia e México, e tamén a Portugal ou Estados Unidos. Galicia lidera a industria da madeira a nivel nacional, con preto de 3.000 empresas, das que o 37% pertencen á primeira transformación e o 63% á segunda. Desde a Xunta de Galicia búscase, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, que o este ámbito continúe medrando, achegando valor engadido e trasladando o liderado galego no eido da primeira transformación a ámbitos como o da carpintería e o deseño, nos que Galicia xa conta con empresas punteiras.
Salientou Conde que desde a Administración debe acompañarse ao esforzo que está a realizar o tecido empresarial galego para gañar en competitividade, lembrando que a nova Lei de implantación empresarial é un fito importante para que Galicia siga apostando polo crecemento, facilitando os trámites burocráticos e a redución da fiscalidade, a través do convenio asinado coa Fegamp.