O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, formalizou hoxe a entrega ao Concello do Incio dun local que forma parte da promoción de vivendas públicas construída no municipio polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que depende da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
Balseiro, acompañado pola alcaldesa do municipio, Laura Celeiro, sinalou que a Xunta “colabora cos concellos dotándoos de bens e recursos para iniciativas de interese social”. O local, que se cede en propiedade, consta de planta baixa e planta primeira e ten 95 metros cadrados de superficie útil e máis de 112 de superficie total construída. Dispón de porche de acceso, dúas salas polivalentes e aseo.
O delegado lembrou que tamén se adxudicaron xa todas as vivendas da localidade, seis delas en alugueiro e unha máis en compravenda.