Ilustradores galegos recrearán o Arde Lvcvs en directo o sábado

A titular da área de Cultura no Concello de Lugo avanzou hoxe que destacados ilustradores galegos recrearán, por primeira vez, o Arde Lvcvs en directo o sábado, tanto en xornada de mañá como de tarde. Trátase da segunda parte do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, impulsada polo Concello e na que colabora o portal  ww.historialdegalicia.gal e Demo Editorial, que contemplou charlas e obradoiros en abril, e que remata esta fin de semana cun roteiro pola festa dos ilustradores especializados en xénero histórico.

Víctor Boullón, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro, Tokio -Alfredo López-, Miguel Fernández e Manel Cráneo pecorrerán este sábado distintos puntos dos festexos, declarados de Interese Turístico Nacional, e realizarán debuxos en directo situados en puntos estratéxicos da cidade. O obxectivo é tentar representar en banda deseñada o ambiente que tería a antiga Lucus Augusti a través da representación historiada que cidadanía e asociacións de recreación histórica fan durante a festa.

Concretamente estarán nos seguintes actos: en quenda de mañá, no ataque galaico a unha patrulla pretoriana, ás 12:40 horas no fondo da Praza Maior, no que participan as asociacións Mercenarios Galaicos, Trebas Galaicas e Guardia Pretoriana; e na sesión de audiencias do Senatus Lucus Augusti, tamén no fondo da Praza Maior, ás 13:30 horas. En xornada de tarde, ás 18:20 horas, no Cantiño Nemesio Cobreros, no Asalto ao Monte Medulio, ás 18:30 horas, nunha formación de combate, no campamento da Cohors III Lucensium, e para rematar, no desfile de tropas romanas e tribus castexas, a partir das 20:30 horas, pola Ronda da Muralla.

Posteriormente, haberá unha xuntanza para que os autores poñan en común os seus traballos, valorar as ilustracións realizadas e proxectar a posible publicación dos traballos a través dunha viñeta historiada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com