A Deputación aproba unha nova inxección económica superior aos 5,1M€

O Executivo da Deputación aprobou hoxe en Xunta de Goberno unha nova inxección económica na provincia superior aos 5,1 millóns de euros. Desta cantidade, 900.000 euros son para a construción dun centro de día e 13 apartamentos tutelados en Portomarín; 3,9 millóns para a mellora de 71 quilómetros de 27 estradas ao seu paso por 14 Concellos; e 360.700 euros para a roza de vías provinciais noutros 28 municipios.

O presidente, Darío Campos Conde, levou á Xunta de Goberno o convenio que impulsou para construción en Portomarín dun centro de día para 28 persoas e 13 pisos tutelados para outras 26 persoas que poderán dar servizo, polo tanto, a 54 maiores da provincia.

Fíxoo tras rematar co proxecto básico destas instalacións sociais, que contempla a realización dun edificio de case 2.200 metros cadrados con 4 plantas: o soto para un garaxe; unha planta baixa, na que se situará o centro de día, o comedor social ou servizos comúns como o de lavandería, zona de vixilancia, control, administración…, ademais de 1 apartamento; a 1ª planta, con 8 apartamentos; e a 2ª segunda planta, con outros 4 apartamentos.

Os 13 apartamentos contan cunha superficie de entre 55 e 63 metros cadrados cada un e dispoñen de zona de cociña, comedor e sala de estar, unha habitación dobre e un baño adaptado. O convenio recolle que o Concello deberá pór a disposición os terreos que considera para construción desta dotación social, conceder a licencia de obra e colaborar co financiamento desta obras cunha axuda de 200.000 euros no 2019.

Campos Conde levou á sesión a contratación de obras por valor de 3,9 millóns, que permitirán o arranxo de 71 quilómetros de 27 estradas que discorren polos seguintes 14 Concellos: Riotorto, Foz, Ribadeo, Cervo, A Pobra do Brollón, Taboada, Ribas de Sil, Quiroga, Pantón, O Saviñao, A Pastoriza, Friol, Barreiros e Láncara.

Tamén se contrataron con 360.700 euros os traballos de roza e desbroce das estradas provinciais que discorren por 28 Concellos: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro, Alfoz, Muras, Xermade, Vilalba, Castro de Rei, Pol, Meira, Friol, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, Páramo, Paradela, Sarria, O Incio, Triacastela, Samos, Taboada, O Saviñao, Chantada, Carballedo, Pantón e Sober.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com