O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, saíu ao paso do anuncio da Xunta, de trasladar a oficina de Turismo da Xunta ao Pazo de Dona Urraca unha vez que se acometa a súa rehabilitación. Arroxo sinalou que a Oficina de Turismo autonómica está situada nun edificio que se rehabilitou e adaptou para esta función e sería moi cuestionable facer un importante gasto de fondos públicos para mover esta oficina de turismo para o edificio de enfrente, cando o Pazo de Dona Urraca pode albergar outro tipo de servizos.
Rubén Arroxo valorou o cambio de actitude do goberno da Xunta que parece que empeza a tomar en serio todas as propostas que o BNG ven facendo durante anos e vai empezar a darlle continuidade ao traballo iniciado polo goberno bipartito da Xunta. Existen propostas interesantes, útiles e necesarias para dotar de contido o Pazo de Dona Urraca e o BNG está disposto a colaborar aportando proxectos asegurou Rubén Arroxo e sinalou que non se debe perder a perspectiva de que as dotacións do barrio teñen que ser multidisciplinares e débese apostar por novas propostas para o barrio ademais da Oficina de Turismo que xa existe, ben dotada e nun marco incomparable.
Arroxo insistiu na necesidade de investir os cartos públicos con xeito e lembrou que a cidade ten numerosas necesidades, por iso o voceiro do BNG pediu sentidiño á hora de facer investimentos. Rubén Arroxo manifestouse dispoisto a colaborar como viñemos facendo todo este tempo coas institucións, asociacións e demais entidades para que todas as inversións que se anuncian para a Tinería sexan ositivas para Lugo, para os lucenses e tamén para todas as persoas que nos visitan.