Lugo Monumental reiterará ao Concello que asigne un festivo local ao Arde Lucus

Durante o día de mañá a Asociación Lugo Monumental rexistrará un escrito dirixido á Alcaldesa de Lugo en que solicita que se estude a proposta de asignar ao Arde Lucus un dos dous festivos locais que elixe cada municipio.

Os festivos locais, que son fixados cada ano polo Pleno da Corporación, adóitanse reservar para festas propias da poboación. Así, en Santiago de Compostela son festivos do día da Acensión e o San Roque, en Vigo a Reconquista e de novo o San Roque e en moitas poboacións mariñeiras o patrón local e a Virxe do Carmen.

A proposta de Lugo Monumental baséase no feito indiscutible de que son dúas as festas que actualmente marcan o calendario local: San Froilán e Arde Lucus. Actualmente os festivos adóitanse asignar ao patrón local e o Martes de Entroido, pero esta última festa é moito menos relevante para a cidade que o Arde Lucus.

Lugo Monumental non é sospeitosa de non apoiar o entroido, xa que ano tras ano fai un importante esforzo económico para levar a cabo o Premio de Animación Rueira, pero non se trata de menosprezar esa festividade, senón de recoñecer a importancia que o Arde Lucus ten para Lugo. O momento de abrir este debate é este, xa que nuns meses a administración local terá que comunicar á Xunta os festivos locais que fixa para 2019.

Lugo Monumental fai esta proposta pensando principalmente nas asociacións participantes en Arde Lucus e os centos de persoas que realizan un esforzo titánico que se cristaliza en tan só un fin de semana. Entendemos que converter o venres en festivo local facilitaría enormemente a compatibilidade coas súas obrigacións laborais e que así se lles permitiría dispoñer de máis tempo libre para poder gozar do resultado do seu duro traballo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com