A Alcaldesa de Lugo, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, continuou o seu percorrido polos barrios mantendo un encontro con veciños e veciñas de Montirón, zona na que o Concello destinará preto de 27.000 euros para habilitar un aparcamento público cunha trintena de prazas gratuítas. En concreto, acondicionará unha parcela municipal de 736,82 metros cadrados situada na rúa Alcalde Xosé Novo Freire.
A rexedora e os edís detallaron á veciñanza esta actuación, que forma parte do proxecto do Goberno para crear un total de 7 estacionamentos disuasorios por toda a cidade en terreos de titularidade do Concello cun investimento de 350.000 euros. A Mesa de Contratación reuniuse o pasado venres para valorar as ofertas das 14 empresas que se presentaron para executar o contrato, que, deste xeito, está a punto de adxudicarse. O prazo para acometer as obras é de 5 meses, polo que o Goberno estima que os aparcadoiros estarán listos a principios de ano.
Así mesmo, no marco do Plan Único de Cooperación cos Concellos deste 2018, con financiamento da Deputación, acometerase a pavimentación e renovación da rede de abastecemento de Camiño de Barreiro e San Fiz, cun investimento de 103.600€. A Alcaldesa está a manter un contacto directo coa veciñanza dos barrios e parroquias para coñecer de primeira man as súas necesidades e tamén para explicarlle as próximas actuacións do Goberno.