O Concello de Burela deu a coñecer as Xeorutas que se desenvolverán durante o verán. Darán comezo o 26 de xuño e rematarán o 16 de setembro. A novidade desta edición é que serán tres as Xeorutas, que se poderán facer en grupos de 20 persoas: a da Marosa, a do Perdouro e a do Cantiño, que empeza agora. As Xeorutas foron presentadas este mediodía polo alcalde de Burela, Alfredo Llano, e os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Ramiro Fernández Rey e Noelia María Ben.
O edil de Turismo salientou que “como novidade este ano imos contar cunha ruta xeolóxica a maiores, que vai ser a do Cantiño onde tamén temos formacións rochosas que son moi interesantes e moi dignas de ver”. Ramiro Fernández dixo que “seguimos apostando por unha fórmula que nos está funcionando moi ben desde que a puxemos en marcha no ano 2016, está tendo moitisimo éxito e esperamos que este ano sigan sendo un reclamo”.
O concelleiro burelés sinalou que “a primeira ruta empeza o martes, día 26 de xuño, e imos acabar o 16 de setembro. A maneira de apuntarse nestas rutas é no teléfono de información do Concello 982 58 60 00, no blog rutasxeolóxicasdegalicia.blogspot.com.es ou a través da páxina web de turismo www.turismoburela.org”.
Fernández Rey engadiu que “está reservado a 20 persoas por cada ruta, porque queremos que sexan unhas rutas nas que prime a calidade da visita e non a cantidade. A xente que queira apuntarse xa o pode ir facendo, e esperemos que sexan tan exitosas como foron ata agora”.