Campos Conde ofrece aos 25 novos titulados da EIS o apoio da TIC da Deputación

O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos Conde, clausurou esta noite o curso 2017-2018 da Escola de Imaxe e Son (EIS) de Lugo nun acto ao que asistiu numeroso público, entre familiares, colaboradores e representantes de medios de comunicación e do sector audiovisual.

Campos Conde, que estivo acompañado por membros do Padroado, felicitou aos 25 novos titulados da EIS e ao alumnado de primeiro de Produción e Realización encargado de organizar e gravar a Gala de Graduación, inspirada no Far West, e que contou coa actuación do cantante Vizcaíno.

O máximo responsable provincial afirmou que “este é un día moi importante para todos os que formamos a familia da TIC. Unha nova promoción da nosa Escola, da que nos sentimos especialmente orgullosos, deixa a EIS para iniciar unha nova andaina, cargada de ilusión, e na que poderán seguir contado co noso apoio, dentro das nosas posibilidades. Para min é unha satisfacción saber que, co esforzo de todos, principalmente dos alumnos e alumnas, pero tamén de profesores e técnicos, e do Goberno da Deputación, desde o que apostamos por investir nun ensino de calidade e en igualdade de condicións, os novos titulados acceden ao mercado laboral cunha preparación axeitada ás demandas do sector”.

Na súa intervención, o Presidente da TIC dixo que “durante estes dous anos, os alumnos e alumnas que se gradúan hoxe puxeron en práctica os seus coñecementos en diversos escenarios reais, un dos principais sinais de identidade do noso modelo formativo”. A esta nova promoción animouna a que “loitedes para acadar os vosos soños. Na Escola de Imaxe e Son de Lugo tivestes a oportunidade de formarvos. Agora tócavos a vós traballar para sacarlle o mellor partido. Polos encontros que mantivestes con profesionais de prestixio durante estes dous anos, sabedes que o camiño non é doado. Pero con formación, talento e perseveranza estou seguro de que conseguiredes grandes metas”.

Os alumnos de primeiro de Produción organizaron a Gala de Graduación, inspirada no Far West, como práctica dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Os de primeiro de Realización foron os encargados da súa gravación íntegra. O encontro incluíu ademais un photocall na entrada da Escola.

Durante a velada proxectáronse algúns dos traballos elaborados polos novos titulados no último curso: os videoclips La solución final do grupo The Trucks, La realidad de Alba Mesa e Invierno en los cuarteles de Vizcaíno; e as curtametraxes La llegada e Nuevo ciclo. Pero os alumnos tamén realizaron e produciron ao longo do ano diversos programas de televisión e a Semana de Teatro con espectáculos representados, producidos e realizados por eles, entre outros traballos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com