O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, os Alcaldes de Monforte, Láncara e Guitiriz, José Tomé Roca, Darío Piñeiro López e Regina Polín Rodríguez e o Concelleiro de Cultura de Ribadeo, José Farruco Graño presentaron hoxe no CENTRAD, Son Galego, Son Cubano, un proxecto liderado por Roi Casal co que colabora o organismo provincial cunha achega total de 20.000 euros. Trátase da xira que terá lugar nos meses de xuño, xullo e agosto en ditos municipios. O Goberno provincial asume o 40% de cada concerto, mentres que o 60% restante é financiado polos Concellos.
Campos Conde avanzou que “esta xira é de gran importancia porque ofrece unha actividade lúdica de primeiro nivel para os veciños, promove as relacións históricas entre Lugo-Cuba, tamén dinamiza culturalmente as vilas da provincia e xera riqueza noutros sectores como pode ser o turismo”.
Os alcaldes agradeceron á Deputación o seu apoio e colaboración e convidaron a todos os lucenses, e non lucenses, a achegárense aos diferentes municipios para desfrutar das letras de Neira Vilas, interpretadas por Roi Casal e a súa banda de 10 músicos excepcionais de Cuba e de Galicia, ademais de que poden aproveitar para coñecer o patrimonio dos seus concellos.
O alcalde de Monforte enmarcou este concerto “na programación cultural, nas festas patronais; no caso de Monforte levamos 19 anos co Festival de Habaneras e xusto se vai facer o día seguinte da actuación”. O alcalde de Láncara sinalou que “cando se fala de Cuba hai que falar do noso Concello. Estamos encantados de que coincidira coas festas da Pobra de San Xiao. Para nós, recibir un acto como este é un pracer”. A alcaldesa de Guitiriz avanzou que “Roi vai actuar nunha feira especial e única de Parga, un espazo natural, pouco humanizado e espera que sexa unha homenaxe a todos os emigrantes que en Guitiriz fixeron moito”.
O Concelleiro de Cultura de Ribadeo, pola súa banda, encadrou a xira “nunha quincena especial para o Municipio porque a primeira fin de semana celébrase a Feira do Libro, evócase a literatura e nesta xira rememórase a figura de Neira Vilas; na fin de semana seguinte é o Ribadeo Indiano. Polo cal este concerto vai servir de ponte cultural”.