A Alcaldesa de Lugo, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e os presidentes da Asociación Veciñal e Cultural San Isidro da Piringalla, o da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa e o de ACRUGA, Ricardo Varela, Jesús Vázquez e César Dorado, respectivamente; presentaron hoxe a XVIII Festa do Becerro ao Espeto, que terá lugar a noite de San Xoán, dende as 21:15 horas, na Praza Frai Xosé Gómez, entre a rúa Santo Graal e Mar Cantábrico.
Concello e Deputación apoian esta cita, que contribúe a dinamizar o municipio, potenciando, por un lado, un produto autóctono, e por outro, fomentando a economía da zona norte da cidade, ao tempo que se potencian os espazos de convivencia.
No acto, ao que asistiu unha vintena de veciños e veciñas da zona, a rexedora agradeceulle ao movemento asociativo organizativo e, polo tanto, ao colectivo veciñal, “o maior potencial do municipio”, o seu traballo, tanto por levar a cabo un ano máis esta festa, como por implicarse en facer cidade e en dinamizar Lugo. Así mesmo animou á cidadanía a achegarse á Piringalla con esta cita que pon en valor o sector primario, “que temos que empezar a velo como oportunidade e non como alternativa de crecemento”, tal e como subliñou a rexedora.
O Presidente da Deputación apuntou que “é un pracer colaborar dende a Deputación con esta cita gastronómica, totalmente consolidada. Facémolo cunha achega económica de 3.000 euros, dentro da liña de promoción do sector primario e dos produtos autóctonos, o que nos converte na principal administración colaboradora con esta cita gastronómica, na que se conta que participen máis de 8.000 veciños e veciños”. Neste senso, Campos Conde recoñeceu a “enorme labor” das asociacións organizadoras “que dan mostra do bo facer dos lucenses”.
César Dorado amosou a súa satisfacción de doar un becerro ao pobo de Lugo para gozar desta festa, tan consolidada no calendario lugués. Pola súa banda, Jesús Vázquez agradeceu a colaboración da Deputación, do Concello e de ACRUGA que fan posible desenvolver esta feira, que agarda reunir este ano a unhas 8.000 persoas.