O vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, acompañado polo deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón; o alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, outros membros da Corporación Municipal e veciños, inauguraron este venres a nova piscina con tobogáns no río Chamoso que financiou na súa totalidade a Deputación. Para elo, o Executivo Provincial acordou destinar 436.000 euros a este proxecto. Este finalmente foi adxudicado por 306.000 euros.
O Goberno decidiu destinar esta baixa na contratación de 130.000 euros a investir en máis melloras nas instalacións deportivas dos veciños do Corgo. Estas consisten na mellora do campo de fútbol, dotándoo de herba artificial. O conxunto destes fondos forman parte dos 1,8 millóns que leva destinado o Executivo da Deputación á dotación e mellora de servizos públicos para os 3.500 veciños deste municipio.
Fernández Queipo apuntou que “dende o Goberno da Deputación sempre defendemos que os fondos públicos cos que contan as administracións son de e para todos os veciños; e que a labor dos Gobernos é xestionalos de xeito que verdadeiramente repercutan na calidade de vida da cidadanía en xeral, ofrecéndolles os mellores servizos públicos, os que necesiten ou requiren. Baixo esta acérrima defensa, para cumprir con este fin levamos achegado aos veciños do Corgo 1,8 millóns que fixeron posible, entre outras moitísimas actuacións, esta nova instalación deportiva. É unha satisfacción comprobar o resultado deste investimento, vendo como hoxe os nosos veciños gozan da súa piscina no Chamoso”.
Con este orzamento de 1,8 millóns, o Goberno da Deputación financiou máis de 20 obras, 16 novos empregos, 6.000 horas de atención profesional a través do Servizo a Domicilio a non dependentes que reciben ducias de maiores, e que se engaden aos 20 máis que contan co servizo de Teleasistencia gratuíta que tamén ofrece e asume a Deputación, ou impulsou a celebración de 17 actividades deportivas e culturais.