O arco da vella tinguirá Lugo na Semana do Orgullo LGTBIQA+

Un programa cheo de actividades, de balde e para todos os públicos durante seis días que encherán Lugo de cores. En concreto, de sete cores: as do arco da vella. O luns dará o pistoletazo de saída a Semana do Orgullo LGTBIQA+, así o presentou o Presidente de ALAS, Marcos Fernández Trigo, xunto coas titulares de Igualdade na Deputación de Lugo e no Concello, Sonsoles López Izquierdo e Ana González Abelleira, institucións que promoven e impulsan esta celebración. Na organización dos actos colabora tamén a asociación ARELAS.

As numerosas actividades, que se desenvolverán en distintos escenarios da cidade e da provincia de Lugo, terán lugar entre o 25 e o 30 de xuño, baixo o lema Visibilizámonos, movémonos, empoderámonos. Polo dereito a ser diversxs.

López Izquierdo destacou que “este tipo de eventos serven para educar aos cidadáns na sexualidade e favorecer o respecto ás diferentes identidades e orientacións sexuais”. Neste senso, remarcou a “necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBIQA+ e de normalizar a existencia de tantos sexos como persoas existen no mundo. A identidade sexual non se restrinxe ao sexo co que nacemos e co que a sociedade nos etiqueta como homes ou como mulleres. Somos o que queremos ser e esa decisión tócalle tomala a cada persoa”.

Ademais dos actos programados para toda a semana, dende o 25 de xuño ata o 1 de xullo, o Museo Provincial de Lugo levará a cabo un alumeado dos xardíns do Museo coas cores da bandeira LGTBIQA+. Por outra banda, a Praza Maior, a Praza da Soidade, e a Praza de San Marcos estarán engalanadas con grilandas tamén coas cores da bandeira multicolor.

Dentro da programación de actividades para a semana do Orgullo LGTBIQA+ 2018, o Museo do Mar acollerá a 15 mozos/as de idades comprendidas entres 4 e 14 anos que desexen inscribirse no Obradoiro Diversxs, que se celebrará o sábado 30 de xuño de 11:30 horas a 13:00 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com