Lugonovo pídelle á alcaldesa que deixe de mentir aos lucenses

Lugonovo pídelle ao executivo que abandone dunha vez o descurso vitimista co que trata de culpar á oposición da parálise na que ten sumida á cidade.

A súa portavoz quere que a rexedora deixe de trasladar mentiras á veciñanza atribuíndolle ao resto de grupos da Corporación “o que só é froito da súa nulidade para dirixir o Concello”.

“¿Como se pode ter a desfachatez de dirixirse á cidadanía dicindo que proxectos como os estacionamentos disuasorios, o parking do Hula e mesmo a peonalización da Praza da Milagrosa, se están licitando agora porque a oposición non apoiou os orzamentos? A oposición á que ela se refire permitiu a autorización, en agosto de 2017, dunha modificación de crédito extraordinaria na que se incluían estas intervencións e moitas outras por valor de 4’3 millóns de euros, entre as que tamén se atopaba, por exemplo, a humanización de Quiroga Ballesteros. Foi no transcurso dun Pleno urxente que ela mesma convocou ao efecto”, refire Cristina Pérez Herráiz.

A voceira da agrupación municipal atribúe exclusivamente á incapacidade de xestión do goberno que ningunha desas actuacións se teña aínda materializado. “¿Qué foi o que  ocorreu? Pois o que xa estamos acostumados: que a pesares de dispoñer dos cartos o equipo da señora Méndez foi incapaz de tramitar estes investimentos en prazo. Os meses pasaron, o ano acabou e pola súa mala praxe, pola súa inacción, pola súa neglixencia e baixo a súa responsabilidade foi preciso agardar a ter habilitados novos presupostos cos que executar obras que xa foran aprobadas e, por suposto, publicitadas, incluso en máis dunha ocasión, pero que, con traballo, se poderían ter adxudicado cando lles correspondía”, reprocha Pérez Herráiz. “Polo menos os grupos así llo posibilitamos”.

“Xa está ben de desvirtuar a realidade e xa está ben de intentar terxiversar o papel que o resto de partidos desempeñamos na política municipal. Dende Lugonovo xa estamos fartos de que dende a alcaldía se trate de contrarrestar con embustes os seus propios fracasos”, advirte a portavoz quen insta ao executivo a resolver con dilixencia os procedementos que seguen pendentes e a regularizar a situación alegal na que manteñen unha vintena de contratos públicos e que agora xa dispoñen de consignación económica para saír a concurso.

 

Careo pola zona pública de baño

Pola súa banda o BNG, pedía esta mañá a PP e PSOE que deixaran de pasarse a pelota duns aos outros e se xuntaran nun careo pola zona pública de baño.

“Lametablemente, non é unha sorpresa que Lugo continúe sen zona pública de baño un ano máis, parece que PP e PSOE están dacordo para turnarse ano tras ano en poñer as trabas e impedir que as persoas que vivimos en Lugo e as que nos visitan poidamos disfrutar do río Miño en debidas condicións”, afirmou Rubén Arroxo. O voceiro do BNG referiuse á “continua partida de pin-pon entre PP e PSOE e ao castigo que reciben as e os lucenses polas súas liortas”. Dende o ano 2009 leva o PSOE promentendo, ano tras ano, a zona pública de baño en enganando aos lucenses “mesmo incluen partidas de 250.000 euros nos orzamentos municipais, sabendo que non os van a utilizar””, dixo Arroxo.

O BNG propón un ‘careo’ entre PSOE e PP para que aclaren por que seguen “castigando” a Lugo sen zona pública de baño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com