Ante o forte interese de emprendedores e empresarios, o Concello decidiu organizar para mañá martes unha nova xornada de portas abertas nos 9 locais comerciais que ten en aluguer na Tinería. Os inmobles estarán abertos para todos os interesados en coñecelos por primeira vez ou volver a visitalos entre as 16.00 e as 20.00 horas de mañá, martes.
As persoas interesadas poden presentar a solicitude de aluguer ata o vindeiro 12 de xullo. Logo unha comisión fará a valoración dos proxectos e resolverá a adxudicación, co que o Goberno estima que a entrega das chaves poderá producirse despois do verán. O inicio da actividade dependerá de cada beneficiario, das obras e acondicionamento que queira facer no inmoble, aínda que non será superior aos catro meses contados a partir da entrega do local. Os adxudicatarios contarán co acompañamento dun técnico municipal de Urbanismo para a presentación correcta da documentación requirida para a solicitude da licenza de obra, o que axilizará os prazos.
A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído).
As persoas ou entidades adxudicatarias asumirán o acondicionamento dos locais, que a día de hoxe están tal e como os entregou ao Concello a Xunta de Galicia.