Un total de 112 proxectos promovidos por comunidades de montes veciñais en man común e sociedades de ordenación forestal lucenses (SOFOR) contarán con novas axudas da Consellería do Medio Rural, por valor global de 1,1 millóns euros, para promover iniciativas de prevención e defensa contra os lumes.
Así o deu a coñecer o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita ao monte de Moia, en Navia de Suarna, onde explicou tivo a oportunidade de comprobar o resultado das labores preventivas levadas a cabo pola comunidade veciñal propietaria dos terreos.
Balseiro insistiu na necesidade de manter os montes limpos e coidados, apostando pola súa posta en valor e preservando tanto a parte medio ambiental como a económica. Estes traballos en montes veciñais en man común e Sofor súmanse aos realizados pola propia consellería e administracións locais con convenios de colaboración en materia de prevención.
O delegado territorial explicou que a orde de axudas para a prevención de incendios está destinada a subvencionar dúas liñas: o control selectivo de combustible e a construción de puntos de auga. Estas axudas distribúense por todos os distritos forestais de provincia e chegan a todos os concellos lucenses con cantidades que oscilan entre os 2.800 e os 25.000 euros, en función das actuacións a executar propostas polas comunidades de montes solicitantes.
A primeira das liñas obxecto de subvención, na que se tramitaron 101 expedientes na nosa provincia, apoia todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación. As actuacións que se subvencionan nesta liña consistirán no control selectivo do combustible en devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural, así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais-
A segunda liña de subvencións que ten esta orde de axudas financia a construción de puntos de auga, que deberán localizarse en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais. No caso de expedientes de comunidades de montes, mancomunidades ou agrupacións de menos de 500 hectáreas, subvencionarase un punto de auga, chegando a dous no caso dos terreos de máis de 500 ha ou Sofor. Neste caso, na nosa provincia os beneficiarios foron 11.
Os beneficiarios dispoñen de cinco meses para executar estes traballos, que na práctica poden incluír desde construción de cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural ata rozas, rareos e eliminación de restos de poda