As corais Breogán, da Coruña, e Cidade de Vigo, da cidade olívica, ofrecerán mañá mércores 27 de xuño, un concerto no salón de actos da Axencia ONCE de Lugo ( r/ San Roque, nº 31-33 Baixo) ás 20 horas. A entrada é libre grazas ao patrocinio do Consello Territorial de ONCE-Galicia, que está a desenvolver unha ampla programación cultural nas principais cidades galegas durante o mes de xuño, coincidindo coa celebación anual do Día da ONCE.
O repertorio que van interpretar ambas as corais inclúe temas folclóricos europeos,canción popular galega, música clásica e pop. A coral Breogán da Coruña interpretará Hallelluya (Leonard Cohen), Siyahamba (Popular africana), Meu amor é mariñeiro ( Fuxan vos ventos), O vos galego (Popular galega), Aquela tarde (Ernesto Lecuona), Se chove ( Treixadura), Amazing Grace (John Newton) e a Chica ye- yé (Augusto Algueró). Pola súa banda, Cidade de Vigo interpretará Camiña Don Sancho (popular medieval galega), Ave María ( Xulio Domínguez), A los árboles altos (popular cántabra) e Dous amores (popular galega).
A coral Breogán está formada por 28 persoas, 16 das cales teñen cegueira total ou parcial. Desde o ano 2010, forman parte da Asociación Cultural de persoas cegas e con discapacidade visual de Galicia, que patrocina a ONCE. Breogán está dirixida por Pablo Méndez Carreira, profesor de piano e pedagogo musical.
A Coral Cidade de Vigo, fundada en 1957 por un grupo de persoas con discapacidade visual, pasou en 2013 a formar parte da Asociación Cultural de Persoas Cegas e con Discapacidade Visual de Galicia que patrocina a ONCE. Está formada por trinta voces, das que máis da mitade son persoas con algunha discapacidade visual. Nos seus 60 anos de historia realizou múltiples concertos e recitais gravado tres discos. O director da coral é Pablo Pérez, cunha gran trayectori en dirección de corais e profesor de piano, linguaxe musical, música de cámara e harmonía.