ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian danos nunha mámoa en Pena Grande, Vilalba

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar perante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) unha denuncia por posibles danos ocasionados na Mámoa 9 de Pena Grande en Vilalba, por mor dunha plantación ilegal de eucaliptos. Este ben patrimonial foi danado como consecuencia dos profundos surcos  realizados sobre a masa tumular no transcurso dos traballos forestais.

Todo parece indicar que esta plantación afectou tamén a cámara da mámoa ao remover parte da súa estrutura. A Mámoa 9 forma parte dun sitio arqueolóxico de gran valor, conformado por dez túmulos xunto con dous abrigos paleolíticos. En novembro de 2017 Pena Grande foi noticia ao pretender o Ministerio de Facenda subastar por 7.700 euros os terreos onde se atopan os importantes vestixios arqueolóxicos.

A poxa paralizouse grazas ao labor desenvolvido por varias asociacións que defenden o patrimonio, conscientes de que os terreos e os bens que se atopan neles serían plantados de eucalipto, tal e como acaba de suceder coa Mámoa 9 de Pena Grande. ADEGA e Mariña Patrimonio pregúntanse “de que pasta son” os responsables da Consellería de Cultura, “insensibles” co drama que está a provocar a industria do eucalipto no patrimonio cultural de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com