A delegada territorial, Raquel Arias, presentou hoxe na residencia da terceira idade das Gándaras a iniciativa “Xadrez, o ximnasio da memoria” coa que se pretende, ademais de ofrecer unha proposta de ocio distinta para os maiores do centro, incentivar a súas habilidades psico-sociais.
A proposta, que se plantexa como unha experiencia piloto que de dar bos resultados ampliaríase a outros centros residenciais da Xunta, será desenvolvida por voluntarios de Xaquedrum, unha asociación xuvenil con máis dunha década de andaina na promoción e divulgación do xadrez, representada no acto por Pablo Castro.
O inicio do programa estreouse cunha charla e exhibición do adestrador do CD Lugo Quique Setién, un gran aficionado a este xogo.
Arias subliñou que o xadrez “é un magnifico exercizo formativo e un deporte estimulante”. “Desenvolve a axilidade mental e as habilidades psico-sociais como a concentración, a intuición, a creatividade, a capacidade de síntese e a memoria, así como a intelixencia, o que a todas luces indica que é unha actividade que pode favorecer a estimulación intelectual dos maiores”, explicou.
A delegada territorial agradeceu a colaboración da asociación Xaquedrum e os seus voluntarios na posta en marcha deste programa, “imprescindible para que puidera saír adiante”, así como a de Quique Setién, “quen dende o primeiro momento amosou a súa disposición a colaborar no que fora necesario”, amososándose convencida do éxito da iniciativa.