O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo e o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, visitaron aos alumnos do curso gratuíto que imparte a Fundación TIC, no local social de Santiago de Cangas en Pantón, sobre novas tecnoloxías para os maiores do rural, concretamente sobre manexo e uso de móbil.
Fernández Queipo dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento. Neste punto, as novas tecnoloxías representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.
O Vicepresidente destacou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada entre outros Concellos da nosa provincia. Isto demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Os cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.