O Presidente da Deputación e do Consorcio de Bombeiros, Darío Campos Conde, anunciou hoxe que os 117 traballadores dos parques de bombeiros da provincia cobrarán neste mes de xuño o mesmo que os seus compañeiros de Ourense, equiparando o salario dos profesionais lucenses cos do resto de Galicia. Ademais, este acordo é de carácter retroactivo, o que implica que os profesionais dos parques de bombeiros cobrarán a suba con efecto retroactivo dende o mes de xaneiro. O incremento nos salarios dos 117 traballadores dos parques de bombeiros é de 660.000 euros ao ano.
Campos Conde destacou que “por fin acabamos coa discriminación salarial que sufrían os bombeiros da provincia de Lugo. É unha mellora das condicións destes profesionais que reclamamos dende hai moito tempo, e que neste mes, verase reflectida. Como sempre defendín mesmo traballo mesmo salario. Trátase dunha vella reivindicación, pola que levamos loitando dende o ano 2016, que non se puido materializar antes pois a Xunta de Galicia non achegou os 330.000 euros que debería ter achegado”.